A escola infantil para os máis pequenos en Santiago

Paixón pola ensinanza

Na nosa escola, na que proporcionamos un ambiente cálido, afectivo e seguro, seguimos a metodoloxía agazziana, de carácter globalizador. Valora a actividade de nenos e nenas, céntrase no xogo e respecta os ritmos de cadaquén. Unha metodoloxía que se achega ao coñecemento dos pequenos e das pequenas a través da observación e da escoita activa. Neste modelo foméntase o desenvolvemento da educación sensorial, o coñecemento do mundo a través da exploración e a educación do sentimento que xira arredor da actividade psicomotriz e do traballo coas emocións.

Dámoslle moita importancia ás diferentes linguaxes, verbais e non verbais. Deste xeito, utilizamos símbolos intelixibles, que permitan aos pequenos e pequenas ordenar a súa actividade, xoguetes e materiais. Tamén contamos con actividades pedagóxicas de aproximación a outros idiomas.

Diferentes actividades

Temos un cursiño de natación que desenvolvemos co Centro Acuático Awasan durante varios meses do curso. Desenvolvemos tamén actividades pedagóxicas de aproximación a outros idiomas durante todo o curso escolar. Ademais, cada ano realizamos unha exposición dos traballos plásticos do alumnado.

Entendemos que os centros de educación infantil deben compartir coas familias o papel de proporcionar aos nenos e nenas experiencias básicas que contribúan ao seu desenvolvemento e ás primeiras aprendizaxes. Así, a nosa tarefa será completar e ampliar ditas experiencias. Por outra banda, fomentamos a participación das familias no centro a través de xuntanzas, encontros, celebracións...

Diferentes actividades

Ofertamos tamén un servizo de cociña: as familias traen o pequeno almorzo, comida e/ou merenda, segundo proceda, dos seus fillos e fillas. O noso equipo utiliza as instalacións para quentar os alimentos e darllos aos alumnos e alumnas na propia escola.

Realizamos moitas actividades fóra da escola: rutas e paseos pola contorna próxima e visitas aos establecementos do barrio. Participamos nos eventos que organiza o concello: en visitas guiadas, organizadas polo Departamento de Parques e Xardíns, e na Campaña de Animación á Lectura. No patio exterior da escola cultivamos algúns froitos e verduras de temporada, sendo as nenas e os nenos quenes se encargan do seu coidado. Tamén desfrutamos xogando coa area, nos bambáns...

A través do centro de interese denominado Recunchos de Compostela visitamos as prazas e rúas da zona vella, salas de exposicións e teatros.

A nosa proposta

A nosa proposta

O que buscamos é desenvolver unha proposta de traballo única e diferenciada, baseada na formación e nas ganas de ofrecer o mellor ao noso alumnado. Unha proposta que se basea na constante interacción familia-escola; e no contacto directo co contorno exterior como escenario continuo para a formación integral das nenas e dos nenos.

Neste momento, a nosa actividade educativa desenvólvese por proxectos, tendo en conta a metodoloxía agazziana. Tamén desenvolvemos actividades a través de secuencias didácticas puntuais e centros de interese.

Horario

Horario

O horario de funcionamento é de 07:45 a 20:00 horas, todo o ano excepto festivos, e os días marcados polo centro. Ademais, a escola disporá de días de horario especial, de 07:45 a 15:45 horas, que se comunicará ás familias antes do inicio de curso.

Servizo de comedor

Servizo de comedor

A escola conta con servizo de cociña. As familias deberán traer o almorzo, comida ou merenda preparada da casa, e esta será quentada e administrada aos nenos e ás nenas polo persoal do centro. As familias que queiran esta prestación deberán solicitala canto antes, e seguir as recomendacións da Consellería de Sanidade, que serán explicadas polo noso persoal.

Período de adaptación

Período de adaptación

A escola planificará o período de adaptación, tendo en conta que coa súa entrada na escola o/a alumno/a perde temporalmente a súa relación continuada coa figura familiar de apego. Nese momento, o/a alumno/a vai entrar nun lugar descoñecido e a ter contacto con novas persoas, ademais de pasar de ser o centro de atención a ser un máis entre outros iguais. O desenvolvemento do/a alumno/a nese momento crítico vai depender, a todos os niveis, de como asimile este proceso.

O período de adaptación non debería ser superior a 15 días agás inadaptacións que requiran dun tempo superior que será xustificado á familia pola dirección da escola.

A escola conta cun protocolo de adaptación do alumnado que lle será facilitado ás familias.

Outras actividades

Outras actividades

Ademais das actividades pedagóxicas levadas a cabo na escola, participamos nas que organiza o concello de Santiago de Compostela: sesións de contacontos coa colaboración da editorial Kalandraka e visitas guiadas aos parques e xardíns da cidade. Unha vez ao ano, contamos coa presenza dun prestixioso músico frautista que leva a cabo audicións de carácter pedagóxico: un éxito entre os nosos nenos e as nosas nenas.

Informes pedagóxicos

Informes pedagóxicos

O centro convoca a todas as familias que así o desexen para comentar o informe pedagóxico dos nenos e nenas. Nestas reunións trátanse todos os aspectos relacionados co seu desenvolvemento: adaptación, relación cos demais, dinámica, consecución dos obxectivos... Tamén resolvemos as cuestións que teñan as familias. Poderá tamén concertar unha titoría cando así o desexe.

Dentro da proposta educativa

Dentro da proposta educativa

O centro adoita desenvolver actividades pedagóxicas de aproximación a outros idiomas dende outubro a xuño, nas súas propias instalacións Nos meses de abril e maio lévase a cabo, como vén sendo habitual, o curso de natación nas instalacións do Centro Awasan. Para iso, contamos cunha empresa de autocares para o servizo de transporte.

Queres saber máis sobre nós?

Na Escola Infantil Paparolo buscamos ofrecer a todos os nosos alumnos un estilo de ensinanza que os faga parte activa da súa propia evolución. Contacta connosco para máis información sobre a nosa metdoloxía.

Contactar